Thursday 02 de May de 2024

O ciclo de concertos Coruña Sounds continúa este xoves con Rubén Blades tras o éxito da primeira xornada


O rock duro de Scorpions dará paso á salsa e os ritmos latinos do panameño, que estará acompañado por unha banda de 20 músicos

O ciclo de concertos Coruña Sounds que teñen lugar no Porto continuará o seu desenvolvemento este xoves coa súa segunda cita. Tras o éxito de Scorpions, que reuniu a 12.700 asistentes, chega a quenda de Ruben Blades, que actuará xunto á Big Band de Roberto Delgado, composta de case 20 músicos.

O panameño conta cunha carreira sobresaínte de máis de cincuenta anos, nos que colleitou numerosos éxitos e recoñecementos. É considerado un dos máis grandes artistas latinos do século XX e conta entre os seus recoñecementos con 10 premios Grammy e outros 13 premios Grammy Latinos.

As entradas para o seu concerto están á venda por 35 euros. Pódense adquirir a través da plataforma Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. O ciclo de concertos Coruña Sounds é unha iniciativa do Goberno de Inés Rey co obxectivo de dinamizar a actividade cultural nos peiraos da cidade e continuar coa súa apertura á cidadanía.

Dúas actuacións máis e o Morriña Fest

Tras os concertos de Scorpions e Rubén Blades aínda quedarán dous concertos do ciclo Coruña Sounds. Serán os de Marea e ZAZ, dúas formacións de recoñecido prestixio nacional e internacional.

O sábado 22 de xullo actuará no porto a banda Marea, un referente do rock nacional que estará acompañado de Bocanada. A formación liderada por Kutxi Romero regresa á Coruña tras encher o Coliseum no 2019 para presentar o seu novo disco ‘Los Potros del Tiempo’.

Por último, pechará este ciclo de actuacións musicais no porto ZAZ, o gran fenómeno da música en francés, o vindeiro luns 31 de xullo, dentro da súa xira ‘Organique Tour’. O seu pop enche recintos en toda Europa e actuará por primeira vez na cidade.

As actuacións no porto coruñés completaranse a fin de semana do 28 e 29 de xullo coa celebración do Morriña Festival, que contará nesta edición coa presenza de destacados artistas internacionais de diferentes xéneros como Nicky Jam ou Two Door Cinema Club.